Habilitan catro zonas de carga e descarga no centro de Sanxenxo

Sanxenxo
17 de xuño 2024

O Concello de Sanxenxo indica que a medida se adopta para regular a entrada do tráfico pesado no centro do municipio. Como norma xeral, as cargas e descargas van realizarse en Luis Vidal Rocha e Rúa Cesteiros

Plataforma única en Silgar
Plataforma única en Silgar / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo quere regular a entrada de tráfico pesado e anuncia a creación de catro zonas de carga e descarga no centro da vila. 

Como norma xeral establece que as cargas e descargas realizaranse na Rúa Cesteiros e en Luis Vidal Rocha.

O acceso para Rúa Cesteiros será por Rúa Panadeira, Rúa Madrid, Rúa Cesteiros con saída por Rúa Progreso. 

Na Rúa Progreso poderase realizar o servizo na marxe dereita, en horario de 07.00 a 21.00 horas. Na marxe esquerda, no seu tramo superior, de 07.00 a 15.00 horas.

No tramo inferior da marxe esquerda de Rúa Cesteiros establécese exclusivamente para carga e descarga durante as 24 horas do día, tanto en xornadas laborables como en festivos.

Prohíbese o estacionamento nesa rúa.

O acceso a Luis Vidal Rocha será pola zona habitual e a saída deberá realizarse por Paseo Silgar en dirección a Portonovo, incorporándose cara a Rúa Ourense. O horario para carga e descarga será de 07.00 a 21.00 horas todos os días.

Os vehículos de 3.500 quilos ou máis teñen a opción de descargar no Porto Deportivo, encima da Praza do Mar ou ao final do espigón, á altura do Real Club Náutico, onde o horario de carga e descarga será de 07.00 a 12.00 horas. 

Unha vez finalizado o horario establecido ningún vehículo poderá quedar en ambas as zonas desa zona realizando carga ou descarga.

A Praza dos Barcos quedará totalmente libre de vehículos. Só poderán acceder ao interior aqueles que estean autorizados.

Na plataforma única, que percorre o Paseo Silgar, Avenida do Porto e Rúa de Madrid, só se permíte a parada aos vehículos que non superen os 3.500 quilos. En ningún caso poderá estacionarse nesta plataforma.