Habilitan unha gran área de recreo ao carón do parque infantil de Xesta

A Lama
24 de xaneiro 2020

Os traballos realizados consistiron na execución no Lugar de Abaixo dun novo parque biosaudable cunha ampla zona de recreo, localizado xusto ao carón do parque infantil que xa existía nesta parroquia. A actuación, rematada a finais do pasado mes de decembro, tivo un investimento total de case 55.000 euros

Nova área de recreo en Xesta
Nova área de recreo en Xesta / Xunta de Galicia

A parroquia de Xesta, na Lama, conta a partir de agora cunha ampla área de recreo e esparexemento que está concibida para servir como punto de encontro veciñal. É unha das actuacións incluídas no Plan Hurbe da Xunta de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este venres a zona na que se levou a cabo a actuación, froito da colaboración entre a Xunta e o Concello.

Os traballos realizados consistiron na execución no Lugar de Abaixo dun novo parque biosaudable cunha ampla zona de recreo, localizado xusto ao carón do parque infantil que xa existía nesta parroquia.

A actuación, rematada a finais do pasado mes de decembro, tivo un investimento total de case 55.000 euros, dos que o goberno galego achegou o 70% e o Concello o 30% restante.

Esta nova zona de recreo e ocio ocupa unha superficie de máis de 1.100 metros cadrados e está dotada dunha ampla gama de xogos biosaudables para adultos, mesas e bancos fixos, unha pérgola, unha fonte e unha zona de grellas con asador.

Así mesmo, tamén se realizaron traballos de urbanización no viario de acceso, a execución de beirarrúas e o acondicionamento na contorna dun aparcadoiro adaptado ás novas necesidades previstas na zona.

Ángeles Vázquez incidiu na importancia que terá este obra para dinamizar e mellorar a calidade de vida no concello e en concreto no núcleo de Xesta, unha das zonas máis dinámicas sobre todo durante o verán, cando experimenta un notable incremento de habitantes pola chegada de veciños e familiares procedentes da emigración.