Habilitarán un espazo na rúa para os usuarios da residencia de Campolongo

Pontevedra
13 de outubro 2020

Esta medida, a diferenza doutras que se adoptaron na cidade, non afectará o tráfico. A petición da residencia na actual situación da covid-19 e a ausencia que teñen nas instalacións dun lugar ao aire libre polo que poidan pasear os maiores

Residencia de Maiores de Campolongo
Residencia de Maiores de Campolongo / PontevedraViva

Os responsables da residencia da terceira idade de Campolongo, xestionada pola Xunta de Galicia, pediron ao goberno municipal que lles reserve espazo público na rúa para que os seus usuarios poidan pasear ao aire libre con seguridade.

O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, avanzou que os técnicos municipais xa estudan a colocación de pivotes na área que está situada xusto enfronte da entrada principal para acoutar unha zona para os anciáns e, ao mesmo tempo, garantir o paso dos peóns.

Esta medida, a diferenza doutras que se adoptaron na cidade, non afectará o tráfico.

A petición da residencia na actual situación da covid-19 e a ausencia que teñen nas instalacións dun lugar ao aire libre polo que poidan pasear os maiores.

De entrada, descartouse o uso do Parque da Seta e da zona verde situada enfronte da Xunta. Ningunha delas cumpría os requisitos, segundo Demetrio Gómez, ao ser terreos en pendente que dificultan o paseo das persoas con mobilidade reducida.

A zona contemplada para o uso dos maiores terá un uso "diferenciado", de forma que os usuarios de diferentes plantas da residencia tampouco coincidan nos seus paseos, para evitar posibles contagios da covid-19.

Para habilitar este espazo de esparexemento, iso si, haberá que eliminar o actual aparcamento situado á entrada da residencia e que, nestes momentos, era empregado case en exclusiva polos traballadores do propio centro.