Hipogés analiza co alcalde a situación urbanística dos distintos terreos que ten a Sareb en Barro

Barro
05 de febreiro 2025

No encontro, o alcalde informoulles da situación urbanística dos distintos terreos que a SAREB ten en propiedade no núcleo urbano do San Antoniño e analizaron as posibilidades de construción

Reunión con representantes de Hipogés
Reunión con representantes de Hipogés / Concello de Barro

O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, recibiu a visita dos responsables de Hipogés, a entidade encargada de comercializar os activos inmobiliarios de procedencia bancaria que ten a SAREB, e que no núcleo urbano de Santo Antoniño posúe numerosos solares destinados a vivendas unifamiliares e edificios.

Abraldes fixo unha valoración moi positiva do resultado deste encontro "tanto o concello como Hipogés e a SAREB somos conscientes da demanda de vivenda que hai en Barro e da necesidade de incorporar ao mercado estes solares que teñen un gran potencial polo seu atractivo".

No encontro, o alcalde informoulles da situación urbanística dos distintos terreos que a SAREB ten en propiedade e analizaron as posibilidades de construción que ten cada un deles.

Os terreos situados na zona chamada SUR-1, destinados a vivendas unifamiliares, contan xa cunha urbanización moi avanzada e teñen a posibilidade de edificar de forma inmediata.

Outra grande parte dos solares que posúe a SAREB en Barro están no denominado SUR-2, e son terreos destinados a 44 vivendas unifamiliares e tres edificios colectivos de 66 vivendas en total, e que a entidade que os adquira para construír tería que facerse cargo da urbanización.

Na reunión co alcalde participaron, Carlos Suárez, director territorial de Hipogés, xunto con outros responsables da entidade, quen mostraron a súa satisfacción tanto polas indicacións como pola colaboración do concello e manifestaron o gran potencial de mercado que lle vían aos distintos solares en Barro.

O alcalde de Barro con representantes de Hipogés
O alcalde de Barro con representantes de Hipogés   Concello de barro