José Torres, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica (Edite) da Garda Civil de Pontevedra, debulla a investigación policial que fixo posible a detención dun home por contratar un sicario a través da rede escura para causar lesións a unha pontevedresa.
Todo comezou en novembro de 2022 a través dun equipo da BBC, o servizo público de radio e televisión do Reino Unido. Nunha investigación xornalística para realizar un documental localizaron na darknet ou rede escura un foro no que alguén contrataba a un sicario e non dubidaron en presentarse na Comandancia da Garda Civil e denuncialo.
Non era a primeira vez que existían contactos destas características. Xa en 2020, a través da BBC, a Garda Civil de Pontevedra acabou localizando a un pontevedrés que pagou a un sicario para causar dano ao seu ex parella.
Tras recibir a información, púxose en marcha a maquinaria policial e empezaron máis de dous anos de complexas investigacións que concluíron o 14 de xaneiro. Axentes pontevedreses desprazáronse até Barcelona para deter ao sospeitoso como autor dun delito de lesións de tipo agravado en grao de tentativa.
O primeiro paso foi meterse no foro. Todo se xestou na darknet, "un dos niveis da rede escura, o peor, o máis perigoso" e investigar nesa contorna é "extremadamente complexo". Tanto, que "nos levou dous anos chegar até o final", explica Torres.
Descubriron que había unha persoa que pagara 2.500 euros en criptoactivos "coa finalidade de que a esta moza se lle fixese un dano físico que consistía en desfigurar a cara cun ácido". Pedía fotos como proba do traballo realizado e realizou o pago. "A idea del era chegar a máis, pero non tiña diñeiro", explica este responsable policial. Por ese diñeiro, 2.500, o único encargo que podía realizar era o dano físico.
O traballo non chegou a executarse. Torres apunta a dúas hipótese: decatáronse da investigación policial e frustraron o traballo ou era unha estafa, das que son habituais na darknet, "hai grupos de persoas que se fan pasar por sicarios que ti contratas, cóbranche o diñeiro e nunca se chega a executar".
O traballo de campo nese foro permitiulles dar coa vítima. O agora detido facilitara ao sicario contratado os seus datos e fotografías, atopáronos e a Garda Civil púxose en contacto con ela. Ao falar con ela, "levou un desgusto enorme" e empezou a pasar "moitísimo medo".
Como é habitual nestas contornas da rede escura, o delincuente ocultara todo rastro da súa identidade, así que resulta fundamental a información que facilitou a vítima. Neste tipo de casos, o máis habitual é que o agresor sexa alguén da súa contorna ou persoas coas que teña unha relación sentimental, pero non ocorría así nesta ocasión, pois a moza, veciña de Pontevedra, non tiña problemas coas súas parellas.
As investigacións do equipo Edite con ela permitíronlles tirar dun fío. Esta muller era, xunto coa súa parella, administradora dun xogo de rol, o Warcraft. Nese xogo, crearan unha irmandade, o Tercio Viejo, con normas estritas e tempo atrás tivera que expulsar a tres persoas que as incumpriron.
Xa tiñan o móbil. A dúas descartáronas, pero as investigacións sobre o terceiro si deron resultado. Esta persoa, que resultou ser un home que entón tiña 29 anos -foi detido con 31-, "non llo tomou moi ben". Xa dentro do xogo insultouna e logo saíu da contorna virtual e chegou á irmá e as sobriñas da súa vítima, "ameazando que lles ía facer dano para que o reingresaran na Irmandade".
Dado que non responderon ás súas peticións. "co tempo, co seu ánimo de vinganza, meteuse neste foro e contratou os servizos".
Ninguén coñecía a súa identidade real porque tamén no xogo usaba un nick, pero aí entrou a pericia e o esforzo dos investigadores. Torres dirixe os dous equipos que traballan cos delitos cometidos a través de internet da Comandancia, o Edite e o "@
A operación, bautizada Bodoque (segundo a RAE, "persoa de curtos alcances"), é resultado do "esforzo" de todo o equipo, pois implicou analizar os nick que usaba ese usuario, rastrexar correos electrónicos que utilizaba e, sobre todo, a complicada tarefa de establecer a trazabilidade da criptomoneda con pagouna.
Dentro do mundo das criptomonedas, hai máis de 3.000 distintas. Neste caso, empregáronse bitcoins, pero podía empregar outro tipo de moedas. "A trazabilidade de criptomoneda é moi complexa e tiñamos que demostrar que efectivamente el ingresara ese diñeiro, enviárao a unha billetera e alguén o cobrou. Entón, fomos tirando do fío. Iso leva moitísimo tempo", explica José Torres.
A trazabilidade de criptos xa é complexa en calquera investigación e moito máis na rede escura. Neste punto, José Torres aproveita para lanzar un consello á cidadanía: "non aconsello á xente que entre" por todos os perigos derivados de entrar nun mundo complexo baseado no anonimato das comunicacións.
Este home tiña moitos coñecementos e fixo moitos movementos até chegar ao destino final e facer imposible seguirlle a pista. Finalmente, chegaron a el e detivéronlle en persoa en Barcelona. "Dadas as artimañas que empregara para tentar que non se rexistrasen as súas comunicacións e non houbese ningún tipo de rastro para nós", sorprendeuse ao velos chegar.
Agora, está en liberdade á espera de xuízo e a súa vítima, "un pouco máis tranquila" despois da detención, pero moi afectada aínda.
Así, Torres asegura que "estes dous anos estivo a pasalo bastante mal" e aínda a día de hoxe sente medo pola rúa e tamén está preocupada pola integridade da súa familia.
Os investigadores non deixaron esquecido ese foro da darknet que foi o inicio de todo. "Non deixamos ese fío, non nos imos a esquecer del, está aí presente, latente. Seguiremos investigando por posibles máis casos que existan", aseguran.
Son conscientes de que é "un granito de area nun mundo enorme onde hai moitísimos foros" e onde se utilizan "moitísimos sistemas que están a empregar cada vez máis para anonimizar as comunicacións e ser invisible", pero seguen preparándose para porllo difícil aos ciberdelincuentes.