Hogar y Clínica San Rafael xestionará a Casa da Quintán en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
15 de abril 2026
Actualizado: 17:24

O orzamento destinado a este concerto é de 2,2 millóns de euros, con posibilidade de prorrogalo dous anos máis

Casa da Quintán
Casa da Quintán / Concello de Ponte Caldelas

A Xunta resolveu conceder á entidade Hogar y Clínica San Rafael o centro de menores Casa da Quintán en Ponte Caldelas, especializado na atención a nenos e adolescentes cunha medida de protección e problemas de saúde mental.

Será ata o ano 2028, mediante a fórmula de concerto social.

O Hogar y Clínica San Rafael, pertence á Provincia San Juan de Dios de España de la Orde Hospitalaria, é unha institución sen ánimo de lucro pertencente á Igrexa Católica e dedicada á atención sanitaria, sociosanitaria, social, docente e investigadora a través de diversos dispositivos.

Entre eles inclúense hospitais, centros de saúde mental, centros para persoas con discapacidade, para persoas maiores e para persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión social.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo este mércores unha reunión coa directiva desta entidade.

Reunión do director xeral de Familia cos responsables de Hogar y Clínica San Rafael
Reunión do director xeral de Familia cos responsables de Hogar y Clínica San RafaelXunta de Galicia

O orzamento destinado a este concerto é de 2,2 millóns de euros, con posibilidade de prorrogalo dous anos máis, ascendendo nese caso o valor estimado ata os 6,4 millóns de euros.

Tras a reunión, á que asistiron o xerente da entidade, Raúl Torres, e a nova directora do centro, Eva Gil, o director xeral de Familia puxo en valor a experiencia desta entidade na atención ás persoas vulnerables, con máis de 90 anos de traxectoria na contorna de Vigo.

A Casa da Quintán dispón de oito prazas de acollemento residencial e os seus usuarios reciben unha atención socioeducativa e terapéutica especializada a cargo de un equipo de profesionais multidisciplinar.

O obxectivo é conseguir unha melloría da situación emocional e o benestar dos menores, ao tempo que se lles acompaña e prepara para a vida adulta.

Para iso desenvólvese un amplo programa de actividades que inclúe obradoiros relacionados coa formación laboral e a orientación vocacional, con técnicas de busca de emprego, ou a aprendizaxe de habilidades para a vida independente.

Ademais deste centro, a Xunta conta con outros dous recursos específicos para nenos e adolescentes do sistema de protección e con trastornos de conducta: a minirresidencia Chavea Muiño Novo en Vilagarcía de Arousa e o centro de menores Montealegre de Ourense.