Tráxico accidente de circulación o acontecido este xoves tarde en Troáns, Cuntis.
Un home de 89 anos perdeu a vida nunha colisión frontal entre un turismo e un camión na N-640, á altura do quilómetro 219.
O suceso, informa o 112 Galicia, ocorreu minutos antes das 18.00 horas.
Foi o propio condutor do camión o que alertou á central de emerxencias informando da colisión e da posible presenza de persoas atrapadas no interior do turismo.
De inmediato foron mobilizados os Bombeiros de Vilagarcía e o GES da Estrada, para liberar aos dous ocupantes do coche empregando ferramentas de excarceración.
Confirma o 112 que un deles, a persoa que viaxaba de acompañante, faleceu no lugar, mentres que a condutora, de 82 anos de idade, foi evacuada polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 con prognóstico grave.
A central de emerxencias informou do ocorrido á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil, que colaboraron no dispositivo de emerxencia.
Segundo as primeiras impresións solicitadas no lugar polo persoal de emerxencias, todo apunta a que o turismo invadiría o carril contrario de maneira accidental.