Homenaxe aos tres promotores do acceso rodado á Carballeira e Baños de San Xusto no ano 1968

Cerdedo Cotobade
22 de xuño 2024

Previamente ao acto, en colaboración co COAG, a arquitecta Cristina García Fontán guiou unha visita cultural polo balneario 

Descubrimento dunha placa de homenaxe aos promotores do acceso rodado aos Baños de San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

Unha placa lembra desde este sábado aos promotores do acceso rodado á Carballeira e Baños de San Xusto: Jaime Campos Cubela, Tomás Souto Buján e o falecido Jesús Juanes Álvarez 'Chicho'.

Os tres foron as persoas que financiaron o proxecto no ano 1968.

O descubrimento da placa foi o colofón dunha xornada de exaltación dos valores ambientais e paisaxísticos deste espazo de lecer e convivencia familiar, que contou cunha visita guiada pola arquitecta local Cristina García Fontán, autora do proxecto de recuperación do balneario e da contorna da arboreda.

Tratábase dunha visita promovida pola Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade para promocionar os premios Gran de Area que recoñeceron en 2023 a rehabilitación realizada nos Baños de San Xusto.

En canto á homenaxe, a placa conmemorativa foi descuberta por Tomás Souto e por familiares dos homenaxeados.

O alcalde, Jorge Cubela, lembrou durante esta xornada como un dos promotores do acceso rodado trouxera os cartos desde Venezuela, outro os sacara do banco e o terceiro da viga do faiado onde os tiña aforrados para poder transformar un camiño de carros nun primeiro vial de acceso. Ademais aproveitou para "agradecer aos nosos emigrantes todo o que fixeron por nós".