Homenaxe ás mulleres rurais en Cerdedo-Cotobade por ser un exemplo de "superación, resiliencia e constancia"

Cerdedo Cotobade
13 de marzo 2021

A Xunta rendeu homenaxe este sábado ás mulleres rurais galegas con motivo esta semana da celebración do 8M, nun acto organizado pola Consellería de Emprego e Igualdade

Acto de homenaxe ás mulleres do rural galego en Cerdedo-Cotobade
Acto de homenaxe ás mulleres do rural galego en Cerdedo-Cotobade / Xunta de Galicia

A Xunta rendeu homenaxe este sábado ás mulleres rurais galegas con motivo esta semana da celebración do 8M, nun acto organizado pola Consellería de Emprego e Igualdade en Cerdedo-Cotobade.

No mesmo enxalzouse o papel destacado destas mulleres ao longo da historia de Galicia, todo un exemplo de "superación, resiliencia e constancia" e sobre todo "un dos principais piares que sosteñen a identidade galega", sinalou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana.

Para Lorenzana o rural galego é sinónimo de "ilusión e dinamismo" e, por iso, animou a reivindicalo e impulsalo agradecendo o labor de asociacións como  Femuro, Femupo, Fademur e a Federación de Redeiras Artesás O Peirao.

Tamén estivo presente no acto outra conselleira, titular de Mar, como Rosa Quintana, aproveitando para destacar a contribución da muller no campo do mar e da terra a través do seu labor na produción pesqueira, marisqueira, agrícola e gandeira. 

"As mulleres que construímos Galicia compartimos e defendemos os mesmos intereses, desde o sector marítimo ou do campo e desde calquera punto da comunidade, e así debemos seguir facéndoo", declarou Quintana.

Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou a importancia das mulleres no campo e, neste sentido, lembrou que o número de mulleres titulares de explotacións na nosa comunidade supera o 50%, moi por encima da media nacional.