Homenaxe do PSOE á traballadora e militante socialista Marisa Calvo

Pontevedra
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O acto de distinción, organizado pola Agrupación Socialista de Pontevedra con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, contou coa intervención da secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga; a secretaria xeral municipal, Maica Larriba, e a parlamentaria Paloma Castro

Silvia Fraga, Marisa Calvo e Maica Larriba
Silvia Fraga, Marisa Calvo e Maica Larriba / Agrupación socialista de Pontevedra

Con motivo da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, a agrupación socialista de Pontevedra celebraba este xoves un acto de recoñecemento a unha das mulleres integrantes do partido, que este ano recaeu na traballadora e militante Marisa Calvo, membro de UGT desde 1988 e afiliada aos socialistas desde 1999.

A homenaxeada traballou como administrativa no Hotel Comercio, no Garaxe Rivas, no Hospital Provincial, en Correos e, ata a súa xubilación, na Agrupación Socialista.

Marisa Calvo recibía unha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos e un ramo de flores vermellas.

No este acto de recoñecemento ao traballo de mulleres relevantes dentro da agrupación e que se celebra desde 2014 participaban Silvia Fraga, secretaria de Igualdade do PSdeG; Maica Larriba, secretaria xeral municipal; e Paloma Castro, parlamentaria socialista.

Tamén houbo mostras de agradecemento de José Antonio García Lores 'Cáceres', ex secretario xeral da agrupación; e de Alberto García Cerviño, ex secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Pontevedra, que compartiron momentos de traballo coa homenaxeada.

En todas as intervencións destacaron a calidade humana, o compromiso coa igualdade e coas persoas desfavorecidas, ademais da condición de traballadora silenciosa e previsora da homenaxeada.