A canalización de augas pluviais protagoniza, nestes momentos, os traballos que se están executando nas inmediacións da capela de Arra para avanzar na súa humanización.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou este luns o avance desta obra, adxudicada por case 240.000 euros a Marconsa e que conta cun prazo de execución de tres meses.
"Trátase de poñer en valor un núcleo poboacional de Arra con gran valor patrimonial e onde viven moitos veciños", destacou Martín.
Así, as actuacións en execución teñen como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viarios de acceso.
Conservaranse os niveis orixinais das rúas, para o que se picará e levantará o pavimento existente, encaixalas para, posteriormente, encher, compactar, abrir as gabias e terminar colocando o novo pavimento segundo cada caso, mantendo os desniveis e rasantes actuais.
Tras as obras de urbanización as cotas dos viarios non presentarán cambios reseñables.
A capela de San Amaro, lembra o alcalde, é unha xoia arquitectónica da baixa Idade Media e a escasos metros, atópase o Priorado de Arra que, no seu día, foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira.
Ao longo desta mañá, Telmo Martín visitou tamén a mellora da Travesía Areal, en Portonovo, valorada nuns 137.000 euros.
Estes traballos están a piques de concluír e consisten en recuperar un espazo de 706 metros cadrados para o goce da cidadanía.
Para conseguilo, enlazouse peatonalmente co mercado, rúas e xardíns lindeiros.

Estas dúas actuacións están financiadas con cargo do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, lembrou o rexedor.
A maiores, nesta mesma contorna tamén se está executando o cambio da cuberta da zona da verdura e froitas da praza de abastos de Portonovou cun investimento de 31.048 euros, neste caso, integramente con fondos municipais.