Humanizan a contorna para mellorar a accesibilidade á praza traseira do Concello de Cuntis

Umia
19 de xaneiro 2022

Despois de acometerse a rehabilitación da fachada posterior da casa do concello, que sofría graves problemas de humidades e filtracións de auga e as obras de acondicionamento do inmoble dos servizos sociais, agora os traballos están centrados en reformar o acceso entre os dous edificios

Reforma da praza entre os edificios do Concello de Cuntis
Reforma da praza entre os edificios do Concello de Cuntis / Concello de Cuntis

Xa se atopan en marcha as obras para mellorar a praza traseira que se atopa detrás da Casa do Concello de Cuntis e que serve de unión entre o edificio central administrativo e o novo local de servizos sociais.

Previamente acometéronse obras para rehabilitar a fachada posterior da Casa do Concello, que sufría graves problemas de humidades e filtracións de auga. Tamén se realizaron obras para acondicionar o edificio que albergará as oficinas dos servizos sociais municipais.

A partir de agora, a proposta do goberno local céntrase en mellorar o acceso entre os dous inmobles.

Neste proxecto traballarase na reforma do espazo para mellorar a accesibilidade e permita que calquera persoa con problemas de mobilidade poida chegar aos dous espazos. Ademais realizarase unha humanización de todo esta contorna, que se atopaba en mal estado.

A obra inclúese no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, segundo explica o alcalde Manuel Campos, que manifesta a súa satisfacción por estas actuacións que permitirán ofrecer servizos á cidadanía de maneira centralizada ofrecendo tamén máis espazo para o persoal técnico e para os usuarios das instalacións municipais.