Ideas urbanas pontevedresas toman camiño de Montpellier

Pontevedra
26 de agosto 2022

Unha delegación, conformada por dez integrantes, entre persoal técnico e representantes do Concello francés, visitaron a cidade este venres 26 de agosto a asistiron a unha exposición divulgativa sobre o modelo urbano instalado en Pontevedra

Encontro entre representantes do goberno local de Pontevedra e a delegación de Montpellier
Encontro entre representantes do goberno local de Pontevedra e a delegación de Montpellier / Concello de Pontevedra

Unha delegación procedente da cidade francesa de Montpellier visitaba este venres 26 a cidade de Pontevedra coa intención de coñecer o modelo urbano que se aplica na capital do Lérez. 

A visita é consecuencia da recomendación efectuada polo pensador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, admirador das fórmulas establecidas en Pontevedra, aos responsables políticos da urbe do sur de Francia. 

Dez representantes, entre persoal técnico e integrantes do goberno da capital do departamento de Hérault, realizaban un paseo polas rúas da cidade e despois asistían a unha exposición técnica, impartida polo director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle, sobre o modelo urbano e os cambios efectuados na vila galega ao longo das dúas últimas décadas.

A comitiva comprobou realizando un percorrido polo centro urbano a eficacia da peonalización no centro histórico e nas rúas próximas. Fanny Dombre, primeira tenente de alcalde, destacou a beleza da cidade e a "tranquilidade coa que a xente pasea polas rúas". Sinalou que en Francia "o espazo público foi invadido polos coches e non se atopan nenos xogando" na vía pública.

Neste sentido sinalou que "o alcalde de Montpellier tomará como referencia a Pontevedra" coa idea de facer unha aposta ecolóxica e sa para a metrópole francesa.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que acompañou á comitiva, manifestou que sempre "é unha honra" recibir a representantes doutros municipios que buscan ideas para mellorar a calidade de vida dos seus residentes e mostrouse encantado de que Pontevedra poida ser un exemplo para o modelo que se quere establecer en Montpellier.