Identificados varios autores de ataques vandálicos á exposición Pontevedra Flúe

Pontevedra
19 de marzo 2023

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, advirte de que os ataques son "semanais" e que "ningún deles quedará impune". As persoas identificadas enfróntanse a unha denuncia penal cunha sanción económica máxima de 30.000 euros

Acto vandálico contra a exposición Pontevedra Flúe
Acto vandálico contra a exposición Pontevedra Flúe / Concello de Pontevedra

A exposicion 'Pontevedra Flúe' na ponte do Burgo sufriu varios ataques vandálicos durante as fins de semana. Os cubos que conforman a exposición aparecen derrubados, queimados, esnaquizados e arrastrados lonxe da súa localización ata o punto de aparecer nas proximidades do estadio de Pasarón.

Algunhas pezas mesmo foron lanzadas ás augas do río Lérez obrigando aos bombeiros do parque para intervir para recuperar este material. 

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, lembra a "estes descerebrados" que estes actos de "salvaxismo" supoñen un ataque contra o patrimonio penado con multas económicas e que "en ningún caso vai quedar impune". 

A Policía Local investiga a autoría dos últimos actos vandálicos, acontecidos durante a noite deste sábado e que finalizaron con dúas columnas de cubos derrubadas.

Varios dos supostos causantes forman parte dun grupo de mozos, con maiores de idade e algún menor, que ademais de destruír a exposición tamén queimaron contedores. Enfróntanse a unha denuncia penal nos Xulgados e a unha multa que ascende a 30.000 euros por danos e prexuízos. 

Outros dous maiores de idade que esnaquizaron unha torre e arrastraron un cubo pola beirarrúa ata Pasarón tamén foron identificados e o Concello xa remitiu á Subdelegación do Goberno unha proposta de sanción administrativa de entre 600 e 3.000 euros para cada un, segundo indica Iván Puentes.

O concelleiro lembra que estes ataques contra o patrimonio foron captados por diversas cámaras de vixilancia e mesmo algún dos autores alardeou da "gamberrada" nas súas redes sociais, facilitando a identificación por parte da Policía.