Identifican 4 persoas máis, unha delas menor de idade, por coarse nunha finca da Puntada para beber alcol

Poio
16 de maio 2020

Dúas mozas foran sorprendidas a mediados de abril nesta propiedade privada, que habitualmente se aluga para a celebración de festas e eventos. Agora, a investigación da Policía Local de Poio péchase con catro persoas identificadas máis, ás que se imputa un presunto delito de roubo con forza

Policía Local de Poio na entrada dunha propiedade privada na Puntada
Policía Local de Poio na entrada dunha propiedade privada na Puntada

A mediados do pasado mes de abril, concretamente o domingo 12, a Policía Local de Poio informaba da investigación a dúas veciñas do municipio que foran sorprendidas nunha finca privada da Puntada bebendo alcol.

Agora, máis dun mes despois, a investigación pechouse coa identificación doutras catro persoas máis implicadas, entre elas un menor de idade.

A todos eles impútaselles un presunto delito de roubo con forza e danos no interior dunha propiedade privada.

Segundo informou a Policía no seu momento as dúas mozas sorprendidas in situ na finca, que habitualmente se aluga para a celebración de festas e eventos, terían accedido á mesma saltando o peche e forzando a porta para entrar. Cando as localizaron, atopábanse nun dos veladores da parcela, onde consumían bebidas alcohólicas que os donos gardaban no lugar.

Algunhas das seis persoas identificadas, sinala a Policía Local, foron denunciadas ata en tres ocasións durante as últimas semanas por incumprir as directrices do estado de alarma e facer festas nunha casa próxima.

Estas denuncias foron remitidas á Subdelegación do Goberno, mentres que as dilixencias da investigación foron enviadas á autoridade xudicial.