Identifican a dirixentes de CC.OO pegando carteis en espazos públicos de Sanxenxo

Sanxenxo
29 de xullo 2020

Os feitos, segundo informou o Concello de Sanxenxo, producíronse entre as once da noite e a unha da madrugada cando dúas patrullas localizaron a dous grupos de tres persoas colocando estes carteis, que contiñan mensaxes críticas co alcalde, Telmo Martín

Carteis pegados por Comisións Obreiras na zona da Florida
Carteis pegados por Comisións Obreiras na zona da Florida / Concello de Sanxenxo

Seis persoas, entre elas os dirixentes de Comisións Obreiras José Luis García Pedrosa e José Ramón Piñeiro, foron identificadas pola Policía Local de Sanxenxo por pegar carteis en espazos públicos do municipio, unha actividade que non está permitida.

Os feitos, segundo informou o Concello de Sanxenxo, producíronse entre as once da noite e a unha da madrugada cando dúas patrullas localizaron a dous grupos de tres persoas colocando estes carteis, que contiñan mensaxes críticas co alcalde, Telmo Martín.

Segundo a versión municipal, todos eles negáronse a deixar de colocar os carteis a pesar de que a Policía Local requiriullo ata en catro ocasiones.

O informe policial recolle que ademais de desobedecer a orde, negáronse a identificarse e chegaron mesmo a retar aos axentes.

"Este é un concello policial e non dan permisos para isto. Nós imos seguir pegando carteis e hai outro grupo pegando carteis por outra zona", tería manifestado Pedrosa, segundo recolle o informe policial, cando se lle informou do incumprimento do regulamento de protección do medio ambiente que impide a colocación de carteis na vía pública.

En concreto, os axentes contabilizaron ata 142 carteis en mobiliario e muros públicos da zona da Florida e tamén se localizaron en Baltar, a praza de abastos de Portonovo, en Viña da Fonte e en contedores da rúa Castelao.

Os autores enfróntanse a multas que poden ir de 601 a 30.000 euros por incumprimento do regulamento municipal e desobediencia á autoridade.

O goberno local rexeita este tipo de comportamento " incívico" contra o mobiliario urbano e considera que estes actos responden a un "modelo sindicalista trasnoitado" que non comparte, segundo o Concello, o outro sindicato que participa nas concentracións e protestas que se organizaron legalmente nas últimas semanas.