Identifican seis persoas e imputan a dúas por trapichear no ámbito da Ferrería

Pontevedra
16 de decembro 2013

A Policía Local realizou durante a última semana o terceiro operativo deste ano 2013 contra o trapicheo de drogas no entorno da praza da Ferrería e os xardíns de Casto Sampedro. O operativo implicou a varias patrullas, que se desprazaron ata A Ferrería sobre as 10.00 horas do xoves 12 de decembro e puideron constatar a venda de drogas a tres persoas

A Policía Local realizou durante a última semana o terceiro operativo deste ano 2013 contra o trapicheo de drogas no entorno da praza da Ferrería e os xardíns de Casto Sampedro. Nesta ocasión, saldouse con seis persoas identificadas e dúas imputadas por un delito contra a saúde pública por venda de haxíx e marihuana.

O operativo implicou a varias patrullas da Policía Local, que se desprazaron ata A Ferrería sobre as 10.00 horas do xoves 12 de decembro e puideron constatar a venda de drogas a tres persoas. Logo diso, procederon á identificación dos implicados e incautación da droga adquirida. Dous deles resultaron imputados.

En total, a Policía Local identificou a seis persoas entre supostos clientes e testemuñas e interviu pequenas cantidades de haxíx e marihuana, unha navalla, un cúter e numerosas pastillas de Trankimazin e derivados. Destes medicamentos non acreditaron receita nin que os usen para os fins habituais, do que se deduce que podían estar destinados á venda.

A Policía Local de Pontevedra, a longo do ano, levou a cabo tres operativos de vixianza coa imputación de varias persoas por un presunto delito contra a saúde pública nesta zona, todos motivados porque a concentración de persoas que habitualmente consumían drogas, nas inmediacións da fonte dos xardíns de Casto Sampedro provocaba malestar entre a veciñanza e os comerciantes.

No mes de maio realizáronse dous operativos distintos, nos que axentes da Policía Local imputaron dúas persoas un delito por tráfico de drogas, á vez que levantaron 12 actas de incautación de drogas con sendas denuncias administrativas por consumo e tenencia de drogas na vía pública.

A Policía Local de Pontevedra informa que continuará coas pescudas e os controis preventivos de consumo e tenza de drogas.