Ietis, extraterrestres e esculturas futuristas invaden as rúas de Boa Vila no arranque de Itineranta

Pontevedra
18 de xullo 2024

Este mércores comezou unha nova edición de Itineranta, o festival de espectáculos de rúa itinerantes. Tres compañías percorreron as rúas de Pontevedra nesta décimo terceira edición desta popular cita cultural: Campi Qui Pugui (Lleida), Produccións Scura (Vila Real) e El Carromato (Cádiz)

Itineranta 2024
Itineranta 2024 / Mónica Patxot

Este mércores comezou unha nova edición de Itineranta, o festival de espectáculos de rúa itinerantes.

Tres compañías percorreron as rúas da Boa Vila nesta décimo terceira edición desta popular cita cultural: Campi Qui Pugui (Lleida), Produccións Scura (Vila Real) e El Carromato (Cádiz).

Ás 20:00 horas saíu o espectáculo dos cataláns co título de "The Yetis". Partiron do Teatro Principal para percorrer a Praza do Teucro, as Cinco cales, Méndez Núñez e a Praza da Verdura.

Nel, por mor do cambio climático unha divertida familia de xigantescos Yetis busca un novo fogar, acompañados dun sherpa que os guiaba entre toda a distracción que atopan na cidade. 

Unha hora máis tarde, ás nove da noite, saíu da Avenida de Santa María "LudiNAUTES" a proposta da compañía portuguesa Produccións Scura que se desprazou ata o Casino e a Praza de Curros Enríquez. 

Un grupo de extraterrestres 'anti-virusianos' viaxa ata o noso planeta para eliminar do sistema nervioso social o maligno 'Virus do Esquecemento' que fai que os nenos non saiban xogar entre eles e evitar así que a Terra sexa totalmente invadida polas máquinas.

Finalmente, ás 22:15 horas, partiu o espectáculo "Elipsión" que percorreu a Praza de España, Peregrina ata a Ferrería con esculturas futuristas con diversos efectos de luces dinámicos e sincronizados coa música nos corpos das marionetas formadas por elipses, e acompañadas por espirais de neón.