Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, mantiña este mércores un encontro institucional co seu homólogo en Valencia, Antoni Gaspar. A reunión que se celebrou nun clima de colaboración mutua serviu para establecer os criterios que os dous organismos porán en marcha para realizar accións en campos como o da igualdade, o turismo, os plans de investimentos municipais, o medio ambiente, o deporte ou a Axenda 2030.
Un dos puntos principais desta entrevista centrouse no acordo establecido para impulsar o reforzo da conexión aérea entre o aeroporto de Vigo-Rías Baixas e o de Manises. Con esta proposta, ámbolos representantes queren promover a actividade turística e comercial entre as dúas provincias.
Nesta liña, Silva e Gaspar teñen intención de fomentar proxectos conxuntos para promocionar o Roteiro dos Fenicios e xerar un produto turístico internacional sobre a arqueoloxía. Valencia foi un dos escenarios nos que se mostrou a exposición 'Galaicos: un pobo entre dous mundos', impulsada pola Deputación Provincial.
No ámbito da igualdade puxéronse en común as accións pioneiras que desde as dúas administracións se desenvolven, como o programa Violencia Zero, de sensibilización contra as violencias machistas a través de iniciativas de artistas galegas; e as actividades da Escola de Igualdade María Vinyals. Pola súa banda, Antoni Gaspar explicou o funcionamento do programa Feminario, moi na liña das accións que se desenvolven a través da Deputación de Pontevedra como Mulleres que Opinan, o programa Descúbreas ou os premios Mulleres no Foco.
Tamén queren impulsar a Axenda 2030 respectando a autonomía municipal, eliminando a burocracia e realizando planificacións a longo prazo ofrecendo liberdade de decisión aos pequenos municipios. Carmela Silva subliñou a importancia no impulso que estas administracións ofrecen en relación á transición verde e sostible nos municipios con diferentes proxectos e destacou a necesidade de que as deputacións teñan un papel protagonista na xestión dos fondos Next Generation. Por último, no apartado deportivo, ambos os dirixentes mostraron a súa conexión no fomento do deporte basee e inclusivo e a visibilización do deporte feminino.