O Concello de Poio xa ten data para a celebración da III Xuntanza de Maiores.
Será o domingo 19 de abril nunha carpa instalada na Reiboa, na Seca, onde se espera gran aflucencia de xente tras o gran éxito das edicións anteriores.
Con máis de 500 participantes o ano pasado, a cita consolidouse como un dos eventos sociais máis destacados do municipio para promover a convivencia, o lecer e o envellecemento activo.
O alcalde, Ángel Moldes, subliñou que "para este goberno os maiores son unha prioridade, e por iso apostamos por reforzar actividades e propostas que promovan un envellecemento activo e amplíen a oferta de ocio e lecer das persoas de máis idade".
Moldes destacou que esta reunión é "un evento consolidado e moi esperado, que cada ano reúne a centos de persoas nun ambiente de reencontro e compañeirismo".
A xornada arrincará ás 13:00 horas e incluirá a comida, con callos, carne ó caldeiro, bebidas e sobremesa, seguido dun baile con música en directo do Dúo Prisma. Tamén haberá sorteos.
"Queremos que sexa punto de encontro para os maiores de todo o municipio, unha escusa perfecta para compartir unha xornada de lecer e convivencia todos xuntos", engadiu o rexedor.
As persoas interesadas en asistir poderán retirar as invitacións a partir deste venres 20 de marzo no Pazo Besada (9:00-14:00 horas).
O primeiro prazo, até o 1 de abril, está reservado para as persoas empadroadas en Poio, xubilados ou pensionistas maiores de 60 anos.
Do 6 ao 14 de abril abrirase a participantes doutros concellos.
O prezo da actividade é de 25 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.