Impacta contra un baixo na Praza do Pazo de Sanxenxo, abre unha fenda e dáse á fuga

Pontevedra
13 de febreiro 2023

Pasaba na madrugada do sábado ao domingo 12 cando un vehículo accedía a esta praza causando este aparatoso accidente. A patrulla de garda da Policía Local foi quen, nun control rutineiro, atopaba o vehículo abandonado no lugar do impacto. O condutor xa foi identificado

O vehículo impactou, de madrugada, contra un local comercial na Praza do Pazo
O vehículo impactou, de madrugada, contra un local comercial na Praza do Pazo / Concello de Sanxenxo

Axentes da Policía Local de Sanxenxo investigan un accidente ocorrido durante a madrugada do sábado ao domingo na Praza do Pazo.

O vehículo accedía, por motivos descoñecidos, a este espazo e terminaba impactando contra un dos baixos comerciais da zona causando unha importante fenda na parede, segundo relata o Concello de Sanxenxo.

O condutor do turismo abandonaba o lugar e dábase á fuga. Ningún veciño avisou á Policía a pesar da aparatosidade do accidente. 

Unha patrulla de garda, que se atopaba realizando un control rutineiro, atopouse co vehículo. Os axentes levantaban o atestado e mandaba retirar o vehículo do lugar para trasladalo a dependencias policiais.

O propietario do automóbil xa está identificado e deberá presentar declaración en dependencias policiais cando sexa reclamado.