Impedir os botellóns, prioridade das autoridades para esta fin de semana

Pontevedra
02 de xullo 2021

As forzas de seguridade van a extremar a vixilancia en toda Galicia para que non se organicen botellóns e que os mozos, que actualmente son o colectivo de maior risco de contaxio pola covid-19, non se reúnan de xeito masivo para beber alcohol na rúa

Botellón na rúa
Botellón na rúa / Mónica Patxot

As forzas de seguridade van a extremar a vixilancia en toda Galicia para que non se organicen botellóns e que os mozos, que actualmente son o colectivo de maior risco de contaxio pola covid-19, non se reúnan de xeito masivo para beber alcohol na rúa.

É unha práctica que está prohibida por lei en toda a comunidade e, segundo recordan as autoridades, os participantes expóñense a multas de 200 ou 300 euros por persoa.

Para preparar este dispositivo, este venres celebrouse unha xuntanza entre a Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno, mandos policiais e os concellos, representados pola Fegamp.

No encontro acordouse incrementar os controis e os dispositivos policiais durante esta fin de semana para evitar infraccións, sobre todo en concellos como o de Sanxenxo e en cidades nas que nos últimos días se rexistraron máis vulneracións das normas sanitarias.

"Pedimos un último esforzo nos vindeiros días, sobre todo á xente máis nova, para que os bos resultados que temos en Galicia non se estraguen e non haxa que dar pasos atrás", destacou o vicepresidente galego, Alfonso Rueda.

Nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta, o botellón é a terceira causa máis común nas infraccións, por detrás de non levar a máscara e de fumar sen respectar as normas.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou a "máxima colaboración" das forzas de seguridade coas autoridades sanitarias para a protección da saúde pública ante o repunte de casos de covid-19, especialmente no tramo de persoas menores de 30 anos.

Neste sentido, indicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil intensificarán a súa acción e a súa coordinación coas policías locais e a policía autonómica para controlar e tratar de evitar a celebración de reunións numerosas na vía pública.

Miñones apelou á cidadanía e tamén aos alcaldes e alcaldesas para manter e incrementar o traballo conxunto coas policías locais e para transmitir unha mensaxe de prudencia e contención na celebración de actos lúdicos e festivos nos diferentes pobos e cidades galegas.