En pleno Nadal, unha das épocas do ano na que as iniciativas solidarias proliferan, o Concello de Pontevedra aprobou un convenio que garantirá o funcionamento da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, que ten unha sede en Pontevedra.
Este convenio implica unha achega de 25.000 euros á Fundación "para garantir o funcionamento do Banco", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O convenio aprobouse nunha Xunta de Goberno extraordinaria este martes e permite destinar estes fondos a aquelas cuestións que a fundación considera máis importantse.
"Necesitan da nosa axuda e nós tratamos de proporcionarlla a través desta colaboración", sinalou Fernández Lores.
Ademais, este convenio súmase a unha colaboración municipal ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro. Segundo informaron desde esta entidade, hai uns días o Concello aprobou concederlles unha axuda á que están moi agradecidos.
A achega municipal permitiulles adquirir 115 cestas de Nadal no Hiperfroiz de Cobián Roffignac que xa se entregaron a todos os usuarios do banco.
No Banco de Alimentos de Monte Porreiro tamén recibiron nos últimos días unha achega que xa é habitual nestas datas. Os traballadores de Ence poñen en marcha unha iniciativa solidaria pola que cada un compra un xoguete a un neno dunha familia usuaria. Como cada ano, xa lles entregaron os xoguetes demandados polos máis pequenos.