Impoñen 90 multas pola mala utilización da Zona 2H de aparcamento no centro de Marín

Marín
18 de abril 2024

Os datos correspóndense ao primeiro trimestre do ano. A gran maioría das persoas multadas por exceder o límite de tempo no uso destas rúas con estacionamento limitado son do centro urbano

Zona 2H de aparcamento en Marín
Zona 2H de aparcamento en Marín / Concello de Marín

A Policía Local de Marín impuxo durante o primeiro trimestre do ano preto de 90 multas por detectar un mal uso das zonas de aparcamento limitadas a dúas horas dentro do centro urbano, a bautizada como Zona 2H.

Así o deu a coñecer o Concello valorando a aplicación dunha medida que busca favorecer a rotación dos vehículos para facilitar a realización de compras ou recados concretos.

Segundo os datos solicitados nun informe da policía municipal, a gran maioría de infraccións son cometidas por persoas residentes no propio centro urbano.

Desde o goberno local adiantan que se seguirán realizando controis periódicos para garantir o bo uso da Zona 2H.

Actualmente esta zona de estacionamento gratuíta pero limitada no tempo está a aplicarse nunha zona próxima á Praza da Abastos, no Centro de Saúde, na Rúa Méndez Núñez, en Jaime Janer, Rúa da Ponte e na Avenida de Ourense.