Importante aumento da presión hospitalaria pola covid-19, con oito pacientes ingresados máis nun día

Pontevedra
05 de decembro 2021

Este domingo hai na área sanitaria 34 pacientes ingresados, tres unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 31 en planta. Na última xornada confirmáronse 115 novos positivos. Hai 954 casos activos, 88 máis que o día anterior. En Galicia hai 8.204, 643 máis que o día anterior, tras confirmarse 958 novos positivos 

Urxencias do Hospital Montecelo
Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A presión asistencial derivada da covid-19 atópase ante un novo e importante repunte. Este domingo, o balance oficial do Servizo Galego de Saúde confirma que nunha soa xornada os hospitais pontevedreses teñen oito pacientes ingresados máis. 

Segundo este balance, con datos das seis da tarde do sábado, hai na área sanitaria 34 pacientes ingresados. Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que se mantén desde hai días con tres pacientes, pero si aumentan os ingresos en planta de hospitalización. 

En concreto, hai 31 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización, 29 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés. Todos os pacientes novos ingresaron no Hospital Montecelo. 

Segundo ese mesmo balance, na última xornada confirmáronse 115 novos positivos. Hai 954 casos activos, 88 máis que o día anterior, porque outros 27 pacientes recibiron o alta. 

Ademais dos 34 pacientes ingresados, hai 920 casos evolucionando en domicilio porque son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves. 

 Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.529 pacientes e faleceron 208.

En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 813, que elevan a 321.752 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia. Ademais de por PCR confírmanse casos por test de antíxenos.

PONTEVEDRA

No municipio de Pontevedra, a de máis poboación da área sanitaria, hai este domingo, segundo os datos facilitados polo Sergas ao Concello, 276 casos activos, 27 máis que o día anterior. 

GALICIA

A nivel autonómico, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.204, 643 máis que o día anterior, tras confirmarse 958 novos positivos nunha xornada. 

Do total de pacientes positivos, 223 están ingresados, 35 en UCI e 188 en unidades de hospitalización. Outros 7.981 están no seu domicilio. 

Por agora, en Galicia hai un total de 183.149 persoas curadas e 2.678 vítimas mortais.

Do total de casos activos, 1.137 son da área da Coruña, 645 da de Lugo, 2.041 da de Ourense, 954 da de Pontevedra, 2.449 da área de Vigo, 595 da de Santiago e 383 da de Ferrol.

O número de PCR realizadas é de 3.037.595 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 5.095.939.