A contorna da rúa Gorgullón vivirá a partir do vindeiro 24 de febreiro unha nova reorganización de tráfico para solucionar as situacións que se estaban a detectar despois dos cambios postos en marcha meses atrás a raíz das obras de reforma e peonalización da rúa. O Concello detectou que había un aumento do número de vehículos que circulaba por esta vía peonil para intentar evitar Eduardo Pondal, de maneira que agora se tomaron medidas para eliminar o tráfico de paso.
A principal medida suporá facer un punto de corte na metade da rúa, xusto á altura da rúa do Muíño, un vial peonalizado coa reforma e que dá acceso ao paseo dos Gafos. Esta semana instalouse un pivote que a partir do luns estará levantado de forma permanente e impedirá aos coches pasar dese punto da vía. Ese pivote estivo levantado durante un breve período de tempo durante a tarde deste mércores por erro, pero agora non ser volverá a activar ata que o luns 24 ás 8.00 horas se activen todos os cambios de tráfico.
Ese pivote implicará que a rúa teña os sentidos de circulación divididos en dous, un no tramo entre a zona das estacións de autobús e tren e o Muíño e outro entre ese punto e a saída por Eduardo Pondal. A imaxe que acompaña esta información explica como quedará a circulación rodada e, ademais, a partir deste xoves a Concellería de Mobilidade empezará unha campaña informativa para explicar os cambios a toda a veciñanza da zona.
Os coches poderán circular entre a avenida da Estación e a rúa do Muíño entrando pola propia estación e saíndo cara a Eduardo Pondal pola rúa da Moa, que terá sentido subida. Haberá un tramo, entre a Moa e o punto de corte no que o sentido de circulación será dobre.
En canto ao resto da rúa, para acceder á rúa Gorgullón só será posible pola travesía Eduardo Pondal, que terá sentido baixada. Entre ese punto e o punto de corte da rúa do Muíño, haberá sentido dobre e, para o outro lado, só se poderá circular en dirección a Eduardo Pondal para saír ou ben pola rúa da Curtidoira ou ben ao final da rúa xa en Eduardo Pondal.
Como novidade, haberá un cambio no sentido habitual da circulación na rúa da Curtidoira e tamén en Pedro Sarmiento de Gamboa. Nestas dúas rúas, o cambio xa está aplicado este xoves porque era necesario realizar un pintado de sinalización horizontal na rúa e aproveitouse o bo tempo destes días.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou este xoves ante os medios de comunicación que estes cambios son resultado dunha serie de reunións e suxerencias realizadas pola directiva da asociación veciñal da zona. Non se trata, polo tanto, dunha decisión “improvisada”, senón traballada coa veciñanza e os técnicos municipais e da que xa se falara hai máis dun ano, con motivo das obras de reforma da rúa.
O obxectivo final será reducir o número de coches circulando por esa rúa, priorizando a calidade urbana e os tránsitos do camiño de Santiago, que ten por esa vía o seu punto de entrada á cidade.