Impulsan a creación en Vilanova dun punto de atención á infancia

O Salnés
21 de marzo 2023

A Xunta destina 130.000 euros á creación dun punto de atención á infancia de 20 prazas e outros 120.000 á creación dunha sala de usos múltiples na escola infantil municipal

Visita da conselleira Fabiola García a Vilanova de Arousa
Visita da conselleira Fabiola García a Vilanova de Arousa / Xunta de Galicia

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este martes o concello de Vilanova de Arousa para anunciar a creación dun punto de atención á infancia e tamén melloras na actual escola infantil municipal desta localidade. 

Ao conxunto destas dúas actuacións, o goberno galego destinará 250.000 euros, cos que se incrementarán e renovarán os servizos destinados ás familias e a atención de 0 a 3 anos.

A conselleira, que estivo acompañada do alcalde do concello, Gonzalo Durán, explicou que o novo punto de atención á infancia situarase nas antigas casas de profesores do CEIP de Sestelo en Baión e estará rematado este mesmo ano. 

Contará con 20 prazas gratuítas e, para a súa posta en funcionamento, a Xunta concedeulle ao Concello 130.000 euros.

Así mesmo, a Xunta achegou outros 120.000 euros para a construción dunha sala de usos múltiples na escola infantil municipal do concello.