Impulsan en Valdecorvos a primeira cooperativa de aluguer de vivendas en Galicia

Pontevedra
08 de marzo 2019

A sociedade Galca Solucions Habitacionais impulsa unha promoción pioneira en Galicia. Edificará 34 vivendas nunha parcela do polígono de Valdecorvos. Iso si, será baixo unha fórmula moi estendida nos países nórdicos pero que resulta nova por estas lareiras. Crearán unha cooperativa cuxos integrantes accederán a estes pisos en réxime de cesión de usos

Jesús Cano e Anabel Gulías, no Concello
Jesús Cano e Anabel Gulías, no Concello / PontevedraViva

É francamente complicado que, tal como está o mercado inmobiliario, poder atopar unha vivenda de 90 metros cadrados -con garaxe e rocho- que custe uns 132.000 euros. E menos que, para alugala, o desembolso para o inquilino non supere en ningún caso os 450 euros. Pero en Valdecorvos, a medio prazo, poderá ser posible.

A sociedade Galca Solucions Habitacionais impulsa unha promoción pioneira en Galicia. Edificará 34 vivendas -en baixo e catro andares- nunha parcela do polígono de Valdecorvos. Iso si, será baixo unha fórmula moi estendida nos países nórdicos pero que resulta nova por estas lareiras. Crearán unha cooperativa cuxos integrantes accederán a estes pisos en réxime de cesión de usos.

O responsable do proxecto, Jesús Cano, asegura que se trata dunha experiencia "moi ilusionante" e que será posible grazas ao novo plan estatal de vivenda.

Mediante este sistema, a cooperativa manterá a propiedade de todos os pisos durante uns 25 anos e os seus integrantes farán unha achega inicial "modesta" e pagarán un aluguer "moi económico" durante o tempo que a ocupen. Os propios inquilinos xestionarán a súa propia convivencia, encargaranse do mantemento e terán servizos comúns.

Pasados eses 25 anos, os usuarios poderán quedar coas súas respectivas vivendas ou ben cedelas á cooperativa, sinalou Cano, que destacou que este sistema é posible grazas ás axudas que achegarían Fomento e a Xunta, uns 390 euros por metro cadrado.

Iso si, non calquera persoa pode ser cooperativista. Só poderanse beneficiar desta fórmula as unidades familiares que non superen en 4,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), fixado actualmente en 537,84 euros mensuais. Ademais, han de ser inquilinos destas vivendas e non ceder o seu uso a terceiras persoas.

Con este sistema, segundo Jesús Cano, "introducimos en Galicia o concepto de expor unha vivenda como un dereito e non como un ben mercantilizado", evitando que xente con poucos recursos económicos sexa expulsada do mercado inmobiliario. "É un primeiro paso", engadiu, para implantar "alternativas" á situación actual.