Impulsan unha actuación para realzar o cruceiro das Ruínas de San Domingos

Pontevedra
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Aínda que o seu estado, segundo os técnicos, "é bastante bo", a colonización biolóxica que presenta na cruz e no capitel está a producir danos sobre a pedra e un gran impacto estético no seu conxunto, polo que recomendan actuar sobre el  

Dron para examinar as Ruínas de San Domingos
Dron para examinar as Ruínas de San Domingos / PontevedraViva

O cruceiro das ruínas de San Domingos, un dos elementos máis característicos deste conxunto histórico artístico, será obxecto dunha actuación deseñada para realzar a súa presenza e avanzar na súa adecuada conservación e restauración.

Aínda que o seu estado, segundo os técnicos, "é bastante bo", a colonización biolóxica que presenta na cruz e no capitel está a producir danos sobre a pedra e un gran impacto estético no seu conxunto, polo que recomendan actuar sobre el.

Este cruceiro, que data da época baixomedieval, está construído en granito tallado e ten unha altura que supera os catro metros e medio. Foi colocado no seu actual emprazamento tras ser destruída a igrexa de San Bartolomé "O Vello", onde estaba orixinalmente.

A súa importancia histórica radica especialmente en que é un dos poucos cruceiros de estilo gótico que quedan en Galicia e, co situado en Santa María, dos únicos en Pontevedra.

A sucidade que presenta na súa superficie, segundo o estudo técnico que acompaña a este proxecto, é fundamentalmente verdín, producido por algas e bacterias, liques e as plantas que ten na súa parte superior, así como polos depósitos das aves, sobre todo gaivotas.

Ademais, toda a peza presenta síntomas de erosión e recoméndase eliminar o morteiro de cemento colocado na súa base, xa que retén humidade e son portadores de sales que degradan a pedra e provocan unha alternación estética do cruceiro.

Así, o estudo propón facer unha limpeza xeral para eliminar depósitos e plantas, reconstruír a base do pedestal e rebaixar o terreo sobre o que se asenta o cruceiro, deixando á vista a inscrición con letras que hai tallada no seu parte inferior. 

Esta actuación, que impulsa a Deputación de Pontevedra, ten un orzamento duns 2.600 euros.