Impulso á conversión da antiga escola do Picho nun centro de maiores

Vilaboa
24 de xuño 2023

Unha subvención provincial de case medio millón de euros garante a viabilidade do proxecto, no que o Concello de Vilaboa leva tempo traballando

Infografía do proxecto de rehabilitación da escola unitaria do Picho para convertela nun centro de maiores
Infografía do proxecto de rehabilitación da escola unitaria do Picho para convertela nun centro de maiores / Concello de Vilaboa

Paso importante no proxecto de restauración integral da antiga escola unitaria do Picho, en Vilaboa, para que se converta nun centro social e de maiores.

A Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto presentado polo Concello de Vilaboa ao PON2030, polo que se lle concede unha subvención de 490.446 euros.

Esta axuda provincial cobre o 80% dos 625.658 euros de custo total do investimento, achegando a administración local con fondos propios a cantidade restante.

A antiga escola do Picho é un edificio de dúas plantas situado nunha parcela de titularidade municipal cunha superficie de 863 metros cadrados no que se atopa tamén outra edificación auxiliar. Ambos os dous están en en mal estado de conservación debido ao desuso, polo que agora poderán ser recuperados para converitr esa contorna nun centro de maiores e tamén nun centro de día, asegura o goberno local de César Poza.

Para poder darlle un novo uso, será necesario trasnformar a edificación existente acondicionandoa para que sexa usada por persoas maiores, acometendo os cambios interiores necesarios para garantir a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónicas.

A actuación contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores como xardíns e zona de esparcemento ao aire libre.