Impulso ao proxecto de ampliación da rede municipal de campos de petanca

Pontevedra
31 de outubro 2021

O goberno local avanza que aprobará o vindeiro martes na reunión da Xunta de Goberno o proxecto de ampliación dos campos de petanca con nove pistas novas. Supoñerá un investimento global de ao redor de 130.000 euros

Inauguración do novo parque no barrio do Burgo
Inauguración do novo parque no barrio do Burgo / Mónica Patxot

O proxecto das concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible para ampliar a rede municipal de campos de petanca con nove pistas novas sufrirá esta semana un impulso case definitivo.

Segundo avanzan os seus responsables está previsto aprobar o expediente de contratación do proxecto na Xunta de  Goberno Local do vindeiro martes 2 de novembro.

Con este paso desbloquearanse as reformas a falta xa só da súa licitación, polo que calculan poderanse acometer entre finais de ano e comezos do 2022 para pasar das 17 pistas actuais a 26.

En total o Concello investirá niso ao redor de 130.000 euros.

As novas pistas estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste (Rúa dos Soutos e o barrio da Parda), Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Verducido (proximidades da igrexa), Estribela (ao lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa).

Trátase, asegura o edil Tino Fernández, de xerar "espazos de socialización comunitaria, encontro veciñal e práctica de actividades deportivas e de lecer, con alto valor paisaxístico e confort", xa que está previsto completar as reformas dotando ás zonas verdes de mobiliario, iluminación, céspede e novas plantacións.