A Xunta de Galicia está a dar un impulso sen precedentes á renovación dos colexios e institutos de Pontevedra cun investimento de case 100M€ en 624 obras a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta que marca un antes e un despois no deseño das instalacións educativas, na súa eficiencia enerxética e na súa integración na contorna.
A través deste plan, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a modernizar os centros educativos ante as necesidades do novo ensino do século XXI, con espazos máis amplos, flexibles e multidisciplinares. Logo de completar a súa primeira fase 2021-2024, está a piques de iniciar a segunda en 2025 para chegar a un maior número de centros.
O plan inclúe obras tamén para mellorar o confort da comunidade educativa e a eficiencia enerxética dos centros, con actuacións como cambios de cuberta, illamento térmico das fachadas, renovación de fiestras, falsos teitos e luminarias, instalación de placas fotovoltaicas e centrais de biomasa ou melloras na accesibilidade (colocación de ascensores, construción de ramplas...).

AMPLIACIÓNS E REHABILITACIÓNS INTEGRAIS
Nos últimos catro anos desenvolvéronse na provincia de Pontevedra 132 grandes obras que comprenden rehabilitacións integrais, melloras sectoriais e ampliacións, cun investimento superior aos 63M€, aos que se suman 21 instalacións fotovoltaicas, por un importe de case 600.000€.
Ademais, executáronse 460 obras de pequena e mediana envergadura por un importe de máis de 14M€. Estas actuacións están orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos, e abranguen desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras.
De cara ao futuro, e no marco da segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica que xa está a preparar a Consellería, están comprometidas outras 11 actuacións na provincia de Pontevedra, cun orzamento de máis de 22M€, montante que seguirá ampliándose ao longo dos próximos meses.

CASE 13M€ NA CIDADE DO LÉREZ
A cidade do Lérez concentra un investimento de case 13M€ en 29 obras, entre as que se atopa a maior inversión na reforma dun centro en toda Galicia, a ambiciosa rehabilitación integral desenvolvida no IES Valle-Inclán de Pontevedra, con case 5M€.
Máis aló do seu orzamento, esta obra constitúe un reto a nivel arquitectónico polo edificio histórico singular que ocupa o centro, así como polos materiais necesarios para rehabilitalo mantendo os seus valores orixinais. Por exemplo, houbo que facer ah hoc 326 ventás de 33 tipoloxías diferentes en madeira de castaño para conservar a harmonía do conxunto.
No catálogo de obras acometidas na cidade destaca tamén a ampliación dun dos centros educativos referentes de Pontevedra e de toda Galicia, a do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (2,8M€), así como a última fase da rehabilitación do Colexio CEIP Froebel (1,1M€), que completa a reforma integral deste centro acometida polo Goberno galego nos últimos anos.
Tamén se reformou o IES A Xunqueira I (736.000€), ampliouse o IES Luís Seoane (723.000€) e está a piques de comezar a ampliación da Escola de Educación Infantil EEI Crespo Rivas (721.000€), entre outras obras destacadas na capital de provincia.

FORTE INVESTIMENTO NO RURAL
Case a metade do investimento en grandes obras, 42M€, é para actuacións fóra das cidades de Pontevedra e Vigo, en centros situados na súa meirande parte no rural. Entre as intervencións de maior investimento destacan a ampliación do Instituto Aquis Celenis, en Caldas de Reis (5,4M€); do Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa (3,7M€), e do IES Pedras Rubias, en Salceda de Caselas (3,3M€). Tamén o novo edificio de talleres do IES Antón Losada Diéguez, na Estrada (3,1M€), e a ampliación do IES Pedro Floriani, en Redondela (1,9M€).
Así mesmo, rehabilitouse o IES Pino Manso, no Porriño (1,1M€), e construíuse unha central de biomasa para dar servizos a varios edificios educativos e administrativos en Lalín (1,1M€), entre outras actuacións salientables para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios educativos.
No marco da segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que conta cun investimento inicial de 200M€ para os vindeiros catro anos, a Xunta está a preparar novos proxectos que se irán concretando nos próximos meses e dos que se beneficiarán en boa medida os centros educativos do rural pontevedrés. De feito, xa está comprometida a mellora das instalacións deportivas e de lecer do Colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa, cun investimento previsto de 675.000€.