Ribadumia dará a benvida ao Nadal o vindeiro xoves 5 de decembro co tradicional acto de acendido do alumeado.
A cita terá lugar ás 19.30 horas na Praza do Concello coa presenza de representantes do Goberno local e da asociación de comerciantes Ribadumia Agárdate, que colaboran na iluminación.
Segundo a información facilitada polo Concello, será unha xornada pensada para toda a familia.
A veciñanza gozará dunha tarde chea de música e entretemento, rosca, castañas e chocolate quente gratuíto para todas as persoas que se acheguen ata o lugar do acendido.
Ás 19.30 horas estrearase o alumeado e tamén se fará un brinde en que se desexará un bo Nadal e unhas felices festas.
O Concello de Ribadumia convida a toda a veciñanza do municipio e arredores a asistir e compartir unha tarde chea de ledicia e espírito de Nadal.