Incautan 340 quilos de centola na ría de Arousa durante o primeiro día de campaña tras a súa veda

O Salnés
11 de novembro 2025

Ademais, o mesmo barco, que chegou ao porto de Ribeira, foi obrigado a levantar os aparellos calados, liberando outros 200 quilos de capturas que xa estaban enmalladas

Centola incautada na ría de Arousa

As autoridades incautaron 340 quilos de centola na ría de Arousa durante o primeiro día de apertura da campaña de extracción deste crustáceo, que levaba en veda desde o pasado mes de xuño.

Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia requisaron esta centola nun barco que excedía os topes máximos establecidos.

O límite por día son 35 quilos por cada embarcación dedicada á captura da centola, máis outros 35 por cada tripulante enrolado a bordo.

A embarcación en cuestión levaría a bordo máis de media tonelada de centola, segundo confirmaron fontes da Consellería do Mar.

Ademais, o mesmo barco foi obrigado a levantar os aparellos calados, liberando outros 200 quilos de capturas que xa estaban enmalladas.

En total, foron incautadas 89 pezas de miños (4.450 metros) e o barco foi precintado como medida cautelar ante o inicio do expediente sancionador.

Neste operativo, enmarcado nos labores de control e vixilancia para cumprir o plan de xestión e conservación desta especie, colaboraron tamén axentes da unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia e o servizo marítimo da Garda Civil.

Desde a Xunta de Galicia denunciaron o impacto negativo que teñen estas prácticas para o sector profesional, pondo en risco o desenvolvemento da campaña e o bo comportamento nos prezos deste produto no mercado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora