Un incendio destruíu durante a madrugada deste luns 16 de xuño unha vivenda abandonada situada no número 173 da rúa Jaime Janer de Marín.
O lume, que afectou principalmente ao andar superior e ao teito da edificación, foi controlado polos Bombeiros do Porriño tras dúas horas de intervención.
Segundo confirmaron fontes oficiais, o incendio iniciouse arredor da 01:00 horas da madrugada e quedou extinguido ás 03:00 horas.
A rápida actuación dos servizos de emerxencia evitou que as lapas se propagasen a un edificio contiguo e a unha leira de grandes dimensións que rodea a propiedade.
Veciños da zona explicaron que a casa estaba deshabitada desde hai tempo, tras o falecemento dos seus propietarios, e que é frecuentemente utilizada como refuxio por persoas sen fogar.

Unha dotación da Policía científica desprazouse durante a mañá deste luns ao lugar dos feitos para recoller mostras que permitan determinar as causas exactas que provocaron o lume.
As primeiras inspeccións confirmaron que o teito do inmoble quedou completamente estragado, mentres que o resto da estrutura presenta danos de diversa consideración.
As autoridades confirmaron que non se rexistraron feridos no sinistro, xa que no momento do incendio non había ninguén no interior da vivenda. O lume estaba xa totalmente sufocado a primeiras horas da mañá.
