Un incendio forestal que se rexistrou este mediodía na zona da Bodeira, no Grove, obrigou a mobilizar numerosos medios de extinción, incluíndo un helicóptero da Xunta de Galicia.
Foi debido á dificultade de acceso terrestre ao terreo afectado. A rápida propagación das lapas, impulsadas polo vento, fixo necesaria unha intervención urxente e coordinada.
O lume afectou a unha superficie estimada de 5.000 metros cadrados, maioritariamente de matogueira e monte raso, en fincas pequenas e pechadas cun acceso moi limitado.
A intervención inicial estivo a cargo dos equipos de Emerxencias do Grove, que foron os primeiros en chegar ao lugar e iniciar os labores de control.
Dada a complexidade do terreo e a intensidade do vento, foi preciso o apoio aéreo dun helicóptero de Medio Rural, que realizou numerosas descargas de auga sobre o fronte máis activo do incendio, logrando conter a súa expansión.

No operativo participaron tamén unha brigada da Xunta de Galicia, unha brigada helitransportada, unha autobomba e un axente forestal.
A coordinación entre os diferentes equipos foi clave para evitar que o lume alcanzase outras zonas próximas.
O incendio xa está controlado e os equipos de Emerxencias do Grove estiveron durante máis tempo no lugar realizando tarefas de refresco para evitar posibles reactivacións.
A pesar do perigo e da virulencia das chamas, non houbo danos persoais nin materiais en vivendas, grazas á rápida actuación dos equipos despregados.