O concelleiro de Medio Rural de Marín, Pablo Novas, informaba que nesta semana xa se iniciaron os traballos do tractor rozador que actuará en 80 quilómetros de estradas municipais, que unen diversos núcleos de poboación.
Esta actuación compleméntase co protocolo de roza manual que leva a cabo a Fundación Juan XXIII desde o pasado mes de abril e cuxos operarios actúan en zonas máis estreitas e nas que é necesario realizar o traballo a man.
Na actualidade, o tractor rozador está actuando en Ardán e despois seguirá coas parroquias de O Campo e San Xulián. Estes labores prolongaranse durante aproximadamente un mes e medio.
Pola súa banda, os operarios de Juan XXIII están rematando coa zona II do mapa de rozas, a que se corresponde coa contorna litoral.