O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo un balance dos dous primeiros anos de mandato, centrados en acadar investimentos, e deu as claves da acción de goberno para o que resta: creación de emprego para favorecer o asentamento de poboación e na potenciación dos servizos sociais para atender aos maiores e persoas en risco de exclusión.
En primeiro lugar, Cubela destacou o "elevado volume de investimentos" realizados ou encamiñados, que cifrou en case 12 millóns de euros con obras tan importantes como o saneamento de Tenorio, a mellora de seguridade vial na N-541, a ampliación da residencia de Cerdedo, a construción do Centro de Fauna Salvaxe, a reforma da PO-234, entre outras
A elas sumou outras actuacións, nas 21 parroquias do municipio, centradas na mellora viaria, no saneamento e o abastecemento, os parques infantís e as reformas dos centros sociais.
Tamén indicou que nestes dous primeiros anos fíxose un gran esforzo por reforzas e mellorar os servizos públicos. "A fusión permitíu que, en vez de ir a menos, vaiamos a máis e dispoñamos de moitos máis recursos", salientou.
En canto ao futuro, Cubela comentou que para os dous vindeiros anos vaise apostar especialmente pola consecución e chegada de proxectos empresariais que permitan xenerar emprego e fixar poboación. Ao respecto, comentou que o goberno local está a artellar numerosas medidas fiscais e plans de apoio a emprendedores.
O segundo eixo clave céntrase nos Servizos Sociais para atender nas mellores condicións aos maiores, persoas en risco de exclusión e dependentes. "Vimos de subir o investimento por habitante en servizos sociais de 60 a máis de 80 euros anuais e imos seguir nesta liña", explicou o alcalde.