Coas novas restricións aprobadas polas autoridades sanitarias para Poio, que está situado entre os concellos en nivel de alerta máxima pola covid-19, vanse a incrementar os controis policiais para vixiar que se cumpran estas medidas destinadas a conter o avance dos contaxios.
Poio ten establecido un peche perimetral, que impide entrar ou saír do termo municipal, salvo por causas debidamente xustificadas.
Ademais, a hostalería só poderá utilizar o 50% das terrazas ata as 18.00 horas e deberá pechar interiores, manténdose o servizo de recollida e entrega a domicilio. O toque de queda adiántase ás 22.00 horas e todos os establecementos comerciais deberán pechar as súas portas ás 21.30 horas.
Ante esta situación, a Policía Local establecerá un dispositivo especial que se fará notar especialmente durante as primeiras xornadas deste novo contexto.
Ao longo do venres farase un labor fundamentalmente informativo, que sirva para aclarar as dúbidas da cidadanía sobre o cumprimento das restricións, facendo especial fincapé nas novidades.
En todo caso, os axentes sancionarán comportamentos e infraccións que correspondan a medidas xa de sobra coñecidas, como poden ser o uso axeitado da máscara ou o cumprimento do horario do toque de queda.
Desde o Nadal, a Policía Local efectuou un total de 43 denuncias. A maioría delas (21) corresponderon a infraccións por saltarse o peche perimetral.
Ademais, tamén se identificaron a 15 persoas por non cumprir coas limitacións en canto a número de integrantes en reunións sociais (seguirán sendo máximo de catro) e outras sete por non utilizar a máscara debidamente.
INCIDENCIA DA PANDEMIA
Segundo datos facilitados por Sanidade, Poio ten unha incidencia acumulada a 14 días de 392 por 100.000 habitantes. Rexistráronse desde finais de decembro ata hoxe 67 novos casos. Os casos activos son 84, oito máis que onte.
Desde o goberno municipal fixeron un chamamento á cidadanía para que cumpran debidamente coas restricións, limitándose a realizar aquelas saídas que sexan "estritamente necesarias", para que "poidamos dobregar a incidencia da terceira onda canto antes".
Ademais, advertiron que estas novas restricións veñen motivadas "pola relaxación que se produciu durante o Nadal" e alertaron de que, como mínimo, "van permanecer vixentes durante varias semanas", polo que "toca ser prudentes e ter paciencia e disciplina".