Incremento nos contaxios, casos positivos e hospitalizacións por Covid en Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
04 de xaneiro 2021

Xornada negativa no balance oficial de afectados por coronavirus do Servizo Galego de Saúde na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que viu aumentados ata os 731 os casos activos, o que supón 21 máis que o domingo

Zona no Hospital Provincial onde se realizan as probas PCR Mónica Patxot

Xornada negativa no balance oficial de afectados por coronavirus do Servizo Galego de Saúde na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Segundo reflicten estes datos, a área pontevedresa sumou nas últimas horas 59 novos contaxios. Esta cifra unida a que as altas epidemiolóxicas foron 38 fixeron subir os casos activos ata os 731, o que supón 21 máis que o domingo.

Non é a única estatística que se incrementa, xa que tamén o fan as hospitalizacións con 47 pacientes ingresados (+3). Deles 8 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos e o resto atópanse en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (34) e o Hospital do Salnés (5).

En canto a realización de probas PCR, na última xornada aumentáronse lixeiramente ata as 348, que se engaden ás 116.387 efectuadas con anterioridade.

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid 6.312 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 83 falecementos asociados ao virus.

A nivel autonómico Galicia experimentou nas últimas horas un incremento de 173 casos activos para un total de 5.905. Só se salvan desa subida dúas áreas sanitarias, a de Vigo que acumula 1.134 casos (-39) e Santiago con 1.327 (-5). Pola súa banda A Coruña sobe ata as 1.193 infeccións activas (+59), Ourense colócase con 670 (+65), Lugo con 507 (+24) e Ferrol con 343 (+48).