Informes favorables para a restauración da Pontella de Segade de Abaixo

Umia
07 de outubro 2022

O Concello de Caldas de Reis xa conta co proxecto de restauración integral da Pontella de Segade de Abaixo, no río Umia, redactado polo arquitecto Luis Gil Pita, e tamén ten os informes favorables da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia

Pontella de Segade de Abaixo (Caldas de Reis) que será restaurada
Pontella de Segade de Abaixo (Caldas de Reis) que será restaurada / Concello de Caldas de Reis

A concelleira de Cultura de Caldas de Reis, María López Buceta, informaba este venres 7 de outubro que o Concello "xa conta co proxecto de restauración integral da Pontella de Segade de Abaixo, no río Umia, redactado polo arquitecto Luis Gil Pita, e tamén conta cos informes favorables da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia".

Despois dunha primeira fase de reparación urxente realizada no verán do 2020 dun treito da pontella que estaba afectado polas crecidas do río Umia, neste momento proxéctase a restauración integral deste elemento etnográfico e de arquitectura tradicional incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Caldas.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, sinala que "estas obras forman parte do plan municipal de protección do patrimonio cultural vinculado á agua, que comezou coa restauración de fontes e lavadoiros vinculados ao Camiño de Santiago e que continuará coa restauración da Fonte de Pazo, entre outras actuacións de posta en valor deste patrimonio".

PROXECTO NA PONTELLA DE SEGADE DE ABAIXO

O proxecto de obras de restauración ten un orzamento de 47.700 euros.

A previsión é actuar en 2023 tanto nos piares de apoio no leito do río como en todo o plano de paso, eliminando os engadidos de morteiro de cemento. Tamén serán restituídos os fragmentos desaparecidos e repararanse as fisuras e roturas e melloraranse os tramos de entrada e saída da pontella, moi alterados actualmente.

Esta infraestrutura mellorará a accesibilidade no lugar de Segade de Abaixo, e porá en valor outro elemento de interese patrimonial e paisaxístico na ruta peonil ata a Fervenza de Segade e á Fábrica da Luz.