Ingresa en prisión o perigoso delincuente que fuxíu da Policía polas rúas de Pontevedra

Pontevedra
14 de outubro 2013
Actualizado: 16:25

O titular do xulgado de instrucción número 1 decretou o ingreso en prisión de Felipe S.C., de 37 anos. Este perigoso delincuente pasou toda a mañá nos Xulgados da Parda berrando e dando golpes no calabozo. Tras declarar e ser trasladado ao fugón da Garda Civil para ser conducido ao cárcere da Lama encarouse cun axente da Policía Nacional

Berros e golpes de Felipe S.C. no interior dos Xulgados da Parda / Pontevedra Viva

Felipe S.C., o home de 37 anos, que tivo alerta ás forzas de seguridade durante os últimos días xa se atopa en prisión. Ás 10:15 horas era trasladado pola Policía Nacional ata os Xulgados da Parda para prestar declaración. Catro axentes sacárono do coche para facelo entrar no edificio. Unha vez dentro, o perigoso delincuente pontevedrés dedicouse a vociferar e a dar golpes no interior do calabozo no que se encontraba retido. Arredor das 13 horas, o titular do Xulgado de instrución número 1 tomoulle declaración para sobre as 14:30 horas ser trasladado ao furgón da Garda Civil.

O seu estado de tensión provocou que, durante a súa custodia ata o vehículo, se encarase cun axente da Policía Nacional e tivo que ser agarrado polos axentes da Benemérita. Unha vez dentro do furgón comezou a dar golpes contra as paredes do auto e os axentes procederon a esposalo de tal maneira que non puidese continuar realizando movementos violentos e poder así trasladalo ata o cárcere da Lama.

DETENCIÿN

Felipe fora detido o 12 de outubro nunha zona boscosa próxima ao sanatorio da Merced. Ao comprobar a presenza policial intentou fuxir pero a rápida actuación dos axentes logrou a súa detención. Impútanselle tres roubos con violencia, roubo e furto de uso de vehículo, ademais de condución temeraria e danos.

As súas andanzas nos últimos días remóntanse ao 9 de outubro en Marín cando roubaba unha furgoneta coas chaves postas. Neste vehículo trasladábase ata Lalín onde durante a tarde perpetraba un roubo con violencia nun estanco da zona. Tras o roubo volveu fuxir na mesma furgoneta ata Cuntis, neste concello cometeu un segundo roubo con violencia noutro estanco no que agrediu unha persoa. Durante esa xornada trasladouse a Vigo e na zona de Samil subtraeu un vehículo Volkswagen Tuareg tras intimidar o propietario e abandonar a furgoneta.

Na madrugada do 11 de outubro, Felipe dirixiuse no Tuareg ata Pontevedra. Nunha área de descanso da autoestrada subtraeulle de xeito violento o teléfono móbil a un individuo. Xa na mañá dese mesmo día, tras contactar cunha amiga, é localizado polos axentes da Policía Nacional e protagoniza unha espectacular persecución polas rúas de Pontevedra. Percorre tramos en sentido contrario e causa danos en 18 vehículos. A moza de 23 anos que viaxaba con el apeouse do vehículo en marcha. Ela é detida de inmediato e compróbase por parte dos axentes que ten antecedentes policiais e se lle imputa o roubo, furto e uso do vehículo.

A pesar de que a persecución se realiza con varias dotacións policiais e un helicóptero, Felipe S.C. consegue despistar a Policía ata que na mañá do 12 de outubro é detido en Poio.

Felipe S.C. conta cun amplo historial delituoso. Uns días antes deste episodio abandonara a prisión da Lama. De pequeno pasara polo Centro do Príncipe Felipe e polo Centro de Menores Avelino Montero.