Inician as obras dos novos asadores do Lago de Castiñeiras

Marín
15 de xullo 2017

Están a instalarse dous módulos de asadores en zonas diferentes do parque, coa previsión de que os traballos poidan concluír "nas próximas semanas", recoñecen desde o Concello de Marín

Construción dos novos asadores no Lago de Castiñeiras
Construción dos novos asadores no Lago de Castiñeiras / Concello de Marín

Os novos asadores do Lago de Castiñeiras están próximos a ser unha realidade, despois de que nos últimos días se iniciaran os traballos de construción das súas estruturas.

O inicio das obras chega despois de que a Consellería de Medio Rural aceptase o proxecto como piloto para coñecer se é posible autorizar este uso nunha área recreativa que está incluída en zona de alto risco de incendios.

A empresa encargada dos traballos comezou coa instalación da base dos asadores.

Están a habilitarse dous módulos de asadores en dúas zonas diferentes do lago, en terreos que pertencen ás comunidades de montes de Santo Tomé e San Xulián.

A previsión que manexa o Concello de Marín é que a instalación poida estar completada "nunhas semanas", finalizando os labores coa colocación dunhas recomendacións de uso para todos os usuarios co fin de garantir a seguridade da zona.