Inician as obras para completar a ampliación da conexión entre Santa María de Sacos e Carballedo

Cerdedo Cotobade
08 de novembro 2019

A obra, que ten un investimento global de 180.000 euros, permitirá completar a remodelación integral desta estrada dende a N-541 ata o lugar de Trabazo, na entrada da parroquia que acolle á capital municipal

Obras en Vila de Arriba
Obras en Vila de Arriba

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de iniciar as obras de construción da terceira e última fase do proxecto de mellora e ampliación da conexión viaria entre Santa María de Sacos e Carballedo, coñecida como a estrada de Vila de Arriba.

A obra, que ten un investimento global de 180.000 euros, permitirá completar a remodelación integral desta estrada dende a N-541 ata o lugar de Trabazo, na entrada da parroquia que acolle á capital municipal.

Esta actuación arrancou hai ano e medio coa mellora de seguridade viaria e ensanche do acceso a Vila de Arriba na denominada costa da igrexa, na que se investiron 200.000 euros.

A ampliación da plataforma estaba pensada para corrixir a sinuosidade das curvas e favorecer o tráfico e ademais executouse a renovación do firme e a dotación de canalizacións de augas, redutores de velocidade, sendas peonís laterais, muros de mampostería, novas marcas viarias e cubrecontedores.

Agora, e cun inicio anterior ao da derradeira fase, están a piques de rematarse os traballos da segunda, que afecta a un treito curto nas proximidades de Vila de Arriba coa estrada nacional. Esta actuación conta cun orzamento de 60.000 euros financiado ao abeiro do Plan Concellos.

A principal novidade radica no arranque das obras da terceira e última fase, que é a máis longa e correspóndese co treito entre a Carballeira do Agro e as inmediacións de Trabazo, na que tamén se efectuarán tarefas de ampliación, renovación do firme e outras melloras viarias. 

Entre medias queda unha pequena zona, na contorna superior das vivendas, que quedará fóra desta remodelación, xa que a capa de rodaxe atópase en boas condicións e o emprazamento das casas impide efectuar calquera tipo de ensanche.