Inician catro meses de escavacións no Castro de Alobre

O Salnés
30 de xaneiro 2016

A intervención arqueolóxica enmárcase dentro do protocolo asinado entre Deputación de Pontevedra e Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia. O Castro de Alobre atópase en pleno centro urbano de Vilagarcía

Castro de Alobre, en Vilagarcía
Castro de Alobre, en Vilagarcía / Deputación de Pontevedra

Este luns, 1 de febreiro, 12 persoas arrincarán unha intervención arqueolóxica no Castro de Alobre, xacemento situado en pleno centro urbano de Vilagarcía de Arousa.

Serán un total de tres arqueólogos, oito auxiliares e un restaurador os que realizarán o traballo durante catro meses, ata xuño, en virtude do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento.

A escavación centrarase en acondicionar o sector visible do castro e a súa contorna inmediata. Ademais realizaranse traballos encamiñados a evitar alteracións nas estruturas, consolidaranse e restaurarán os restos exhumados, recrearanse elementos singulares e instalaranse elementos que faciliten o acceso a visitantes, impulsando a accesibilidade e a colocación de elementos explicativos.

En total escavaranse 400 metros cadrados máis de superficie nos que se prevé a aparición de novas estruturas e material arqueolóxico que permitan profundar no coñecemento de Castro de Alobre.

Estas escavacións, financiadas pola Deputación, enmárcanse dentro dun proxecto máis amplo promovido polo Concello de Vilagarcía para poñer en valor o enclave arqueolóxico máis importante da localidade.

O orzamento ascende a 600.000 euros, xa que ademais da campaña arqueolóxica levará a cabo a musealización da zona e a mellora do acceso desde Vista Alegre.

As investigacións realizadas con anterioridade no lugar sinalan que o Castro de Alobre estivo ocupado entre os séculos I a.C. e II d.C, logrando o seu máximo apoxeo durante o imperio de Augusto.

O Concello de Vilagarcía organizará visitas guiadas para os centros escolares durante os meses que se prolongue a escavación.