Inician as obras de rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro

Sanxenxo
04 de febreiro 2025

Os traballos contan cun orzamento de 2,8 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses

Inicio das obras de rehabilitación do antiguo colexio O Cruceiro de Vilalonga
Inicio das obras de rehabilitación do antiguo colexio O Cruceiro de Vilalonga / Concello de Sanxenxo

A rehabilitación integral do antigo colexio O Cruceiro, en Vilalonga, empeza a ser xa unha realidade.

As obras de reforma do edificio arrincaron coas demolicións interiores. É o primeiro paso nuns traballos que contan cun prazo de execución de 12 meses e cun orzamento de 2,8 millóns de euros coa achega de fondos europeos e tamén de fondos propios municipais.

Todo para lograr un novo centro social e interxeracional en pleno centro de Vilalonga.

O novo espazo albergará a FP dual de Hostalaría e Restauración, unha biblioteca, un centro social para maiores na planta baixa, un aparcadoiro e uns amplos xardíns como zona de esparexemento exterior.

"Quero destacar a importancia da reconversión desde edificio de 1.800 metros cadrados e da importancia de apostar por rehabilitar un colexio polo que pasaron moitas xeracións de vilalongueses e doutras zonas do noso municipio", sinalou nunha visita ás obras o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado dos edís Yago Torres e Nati Parada.

Durante esta visita o director de obra, Carlos Berride, explicou que no exterior ademais do aparcadoiro haberá unha zona verde axardinada con espazos de lectura e sombra.

O centro social situarase na zona do antigo ximnasio, cunha superficie útil de 375 metros cadrados. Este espazo estará dotado de dúas zonas para cafetaría e escenario con zona de baile. Ademais esa zona pódese converter nun gran espazo para conferencias ou presentacións con capacidade para 120 persoas.

En canto á biblioteca terá unha superficie útil de 185 metros cadrados e contará con zona de estudo, zona infantil, zona de computadores, arquivo e aseos.

Tanto a biblioteca como o centro cívico terán accesos, servizos e instalacións individuais, o que fai que poidan funcionar de maneira independente ao resto do edificio podendo ter diferentes horarios de uso.

Por última na primeira e segunda planta situarase o ciclo profesional dual de Hostalaría e Restauración en modalidade de FP dual "do que sairán futuros profesionais do sector turístico", afirmou o alcalde.