Dous anos dos últimos achados arqueolóxicos no Castro das Croas (Salcedo) deron comezo os traballos de consolidación de todo o conxunto para a súa posta en valor. O Concello avanza que o obxectivo destes traballos, que durarán dúas semanas, será actuar sobre as estruturas arqueolóxicas visibles, despois de que Patrimonio dera a súa aprobación.
Estas estruturas tiñan un tapado provisional realizado dende a última intervención. Son un tramo da muralla do castro de 14 metros de lonxitude e dous de ancho e unha cabana de 7 metros de diámetro, que probablemente foi utilizada como vivenda.
A día de hoxe son as únicas estruturas arqueolóxicas visibles, se ben con seguridade outras moitas agóchanse no subsolo agardando novas fases de escavación, segundo recordan desde o Concello.
A consolidación consiste na aplicación de distintos tratamentos e materiais que garantan a conservación ao aire libre destas estruturas e a súa preservación futura, de xeito que poidan ser visitadas e utilizadas como recurso cultural no marco do aproveitamento do xacemento arqueolóxico dende as perspectivas socio-cultural e turística.
Estes traballos son necesarios para ambas estruturas, se ben a cabana está en peor estado de conservación, xa que conserva tan só unha fiada do seu muro e incluso non está completa en parte do seu perímetro.
Como é habitual nos traballos de restauración, seguirase o criterio de "mínima intervención", é dicir, realizaranse as intervencións imprescindibles para garantir a preservación do ben sen alterar a súa morfoloxía e aspecto, de xeito que manteña o carácter do xacemento tal e como chegou ata os nosos días.
Trátase dunha actuación concreta que se suma ao mantemento da cuberta vexetal do castro que se vén realizando regularmente dende o pasado ano.
O Castro das Croas é unha aldea da Idade do Ferro situada na parroquia de San Martiño de Salcedo. Os escasos datos arqueolóxicos dispoñibles permiten falar dunha ocupación antiga entre os séculos VII-V a.C., se ben proceden da pouca superficie escavada ata agora, polo tanto non se pode saber cantos séculos estivo habitado e en que momento foi abandonado.