Campaña de recollida de firmas no CEIP San Clemente de Caldas de Reis ante a decisión da Consellería de Educación de manter a supresión dunha das tres unidades de Educación Infantil coas que contaba este centro educativo.
Asegura a comunidade educativa deste centro que esta decisión incumpre o compromiso adquirido pola propia consellería de reabrir á aula se a matrícula o permitía, compromiso verbal alcanzado coa ANPA despois de protestas, reclamacións e até un acordo unánime no pleno municipal.
Manteñen ademais que se trata dun peche "irregular" segundo o cociente pactado entre Xunta e sindicatos para o curso 24-25.
Entón o número de alumnos matriculados foi de 26 pero, contempladas as necesidades especiais de varios deles, a cifra crecía até os 29 facendo necesarias as tres unidades existentes.
Agora, tras acudir mesmo á Valedora do Pobo, "parécenos inaceptable que, unha vez aberto o período de matrícula, e tras recibir 11 solicitudes, abondo para garantir a recuperación da unidade, a Consellería respondese negándose a abrila".
"Isto obrigou a dirección do centro a baremar as peticións e deixar fóra, forzados a buscar outra alternativa, a nenos e nenas que quererían estudar no noso CEIP", explican.
Por todo iso a comunidade educativa iniciou unha campaña de recollida de firmas ao entender que "en primeiro lugar, porque non existiu un motivo obxectivo para eliminala; en segundo, e aínda máis grave, porque de non facelo a Consellería estaría rachando o seu compromiso e incumprindo os seus propios criterios".
O GOBERNO LOCAL DE CALDAS LAMENTA A DECISIÓN DA XUNTA
O Concello de Caldas de Reis apoia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP San Clemente e condena a decisición da Consellería a pesar de que "os números dan".
De feito tanto o alcalde, Jacobo Pérez, como o tenente de alcalde, Manuel Fariña, apoiaron a campaña de recollida de firmas cunha visita este martes ao centro educativo.

Pérez e Fariña advirten de que a supresión da unidade de Infantil provoca que, ante o elevado número de peticións de matriculación, leve a cabo un proceso de baremación e que "haxa solicitantes que queden fóra, algo que non sucedería de non ser suprimida esa unidade".
"Con este xeito de proceder o que está a provocar a Xunta de Galicia é unha limitación no número de alumnos e alumnas, o que acarreará consecuencias moi negativas para o colexio", defenden desde o goberno municipal.