Inicio das obras da senda peonil entre a Ruta dos Muíños de Samieira e a PO-308 no Laño

Poio
07 de marzo 2023

O orzamento supera os 76.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación. Gregorio Agís e Julio Casás, concelleiros de Urbanismo e Obras, visitaron a zona onde comezou a intervención

Julio Casás e Gregorio Agís, concelleiros de Obras e Urbanismo, na zona de creación da nova senda peonil en Samieira
Julio Casás e Gregorio Agís, concelleiros de Obras e Urbanismo, na zona de creación da nova senda peonil en Samieira / Concello de Poio

Comezaron os traballos para crear unha senda peonil na parroquia de Samieira que una o roteiro dous Muíños coa PO-308 en Laño. 

Gregorio Agís e Julio Casás, concelleiros responsables de Urbanismo e de Obras en Poio, achegáronse ata a zona para comprobar o inicio das obras desta conexión que executa a empresa Servizos Ambientais do Miño.

O prazo de execución é de tres meses, polo que o goberno local espera que estea lista antes do verán. O proxecto supera os 76.000 euros de orzamento e finánciase a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ata o momento, os traballos céntranse na limpeza e roza do espazo polo que transcorre a senda de 200 metros de lonxitude. O proxecto inclúe o acondicionamento do regacho naqueles tramos en que se precise. Trátase dunha primeira fase dunha proposta máis ambiciosa que pretende garantir a mobilidade a pé en toda a contorna.

Desde o goberno local consideran este traballo importante para ofrecer un novo atractivo a esta zona e supón tamén un servizo importante para os residentes ao consolidar unha zona de tránsito peonil para conectar o núcleo de Samieira coa senda ou a praia de Laño.