Instalan dous cargadores para móbiles na humanizada Avenida da Coruña e na contorna de Pasarón

Pontevedra
13 de marzo 2021

A empresa Edigal, que deseña e fabrica mobiliario urbano tecnolóxico no polígono do Campiño, ten previsto instalar máis estacións de carga gratuita e puntos wifi noutras zonas de Pontevedra  

Cargadores de rúa da empresa Edigal instalados na contorna de Pasarón
Cargadores de rúa da empresa Edigal instalados na contorna de Pasarón / Edigal

A humanización da Avenida da Coruña non serviu só para cambiar a imaxe da arteria principal do pontevedrés barrio do Burgo, serviu para situala como a rúa máis vangardista de Pontevedra no ámbito tecnolóxico. Na contorna de Pasarón, nunha zona de estancia para peóns, o Concello e a empresa local Edigal instalaron dúas estacións de carga para móbiles gratuitas. 

"É un produto útil, ademais de bonito. Sempre tentamos dotar de tecnoloxía a todos os nosos produtos", detalla Begoña Ferrín, comercial da firma, a filosofía dunha empresa situada no polígono do Campiño e que se dedica ao deseño e fabricación de mobiliario urbano. Outro dos seus acenos de identidade é a aposta por materiais reciclados e reciclables. "Usamos moitos metais procedentes de barcos", revela Ferrín a orixe destes cargadores rueiros que, ademais, funcionan con enerxía solar. 

Nilo é o nome que reciben estes cargadores, pero non son os únicos que fabrican. Pronto instalarán en Benito Corbal uns bancos con enchufes para móbiles integrados e estudan a posibilidade de implantar puntos wifi nos semáforos da vía pública ou en caixas de contadores, dotando ademais a estes elementos do coidado deseño que locen todos os seus produtos.

Son conscientes en Edigal de que moitos usuarios son reticentes a utilizar este tipo de estacións de carga. Por iso queren transmitir unha mensaxe de tranquilidade. Ademais de ser gratuítos, o seu funcionamento é o mesmo que un cargador doméstico polo que o terminal non sufrirá ningún tipo de dano. Para utilizalos, o usuario só necesita conectar o seu cable USB á estación e sentar un intre ata que o seu móbil recupere a enerxía. 

Con presenza noutras cidades como Vigo, Edigal márcase como obxectivo "ser profetas na nosa terra", polo que esperan que o goberno local siga confiando como ata o de agora no seu bo facer para construír entre ambos unha Smart Boa Vila.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora